jueves, 16 de julio de 2009

María Teresa Cuenca Estevas



Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración
María Teresa Cuenca Estevas in memoriam
Vigo, 6 de xuño de 1913 - Caracas, 16 de xaneiro de 2007
Por Xurxo Martínez

María Teresa foi enterrada ao día seguinte do seu pasamento, o mesmo día que nacera o fillo a quen dera vida e por quen dera toda a súa vida: Alejandro Tejero Cuenca.
Morreu sen conseguir os restos do cadáver torturado e esnaquizado do seu fillo. Un deses bos e xenerosos que deron a vida por nada. Mais María Teresa deixou un exemplo de vida imborrábel. Dende a súa loita denodada contra a farsa democrática que era a “democracia” venezolana de entre 1959 e 1999, na que a desaparición (asasinato) dos opoñentes políticos foi unha práctica habitual dos gobernos de Rómulo Betancourt, Raúl Leoni, Rafael Caldera, Carlos Andrés Pérez e Jaime Lusinchi.
Sen culpábeis polas desaparicións, asasinatos e torturas. Un exército represor do seu propio pobo servía a tiranos con disfraces de “lexitimidade” e legalidade democrática. Eran os anos en que a Escola das Américas do Comando Sur de Estados Unidos con base en Panamá (hoxe en Georgia-EUA) adestraba no exercicio da tortura e o asasinato a maior parte dos oficiais e exércitos de Latinoamérica.
María Teresa tomou parte activa na defensa da democracia contra o golpe de Estado de xullo de 1936 polos militares fascistas e forzas políticas e sociais reaccionarias. Os seus irmáns Juan, Luís (falecido na fronte de Madrid), Francisco e o seu pai foron todos membros do exército legal da República, mentres que María Teresa desenvolveu o seu labor no Ministerio de Guerra con Indalecio Prieto e con Ignacio Hidalgo de Cisneros, encargado das compras de armas para a República.
Casa co aviador segoviano Braulio Tejero, e ambos os dous marchan ao exilio francés en 1939. Perseguida e buscada polas autoridades franquistas, o seu nome será radiado por todo o Estado español fascista como unha perseguida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario