miércoles, 6 de mayo de 2009

XXX aniversario de XERME e Nova Galiza (NoGa)


O nacionalismo galego en Venezuela en catro tempos e
Os 30 anos de Nova Galiza (NoGa) e do seu voceiro XERME


Emigración e nacionalismo galego camiñan xuntos dende os seus albores naquela Cuba dos derradeiros anos do século XIX e primeiros dos XX. Tamén en Arxentina e Uruguai houbo moita actividade, deica o ponto de que pode decirse que Galiza chegou a estar en Bos Aires, cando o Consello de Galiza era a principal representación do país, cando a Terra vivía a Longa Noite de Pedra.

Coñecemos bastante ben o acontecer do nacionalismo galego nos países citados, non obstante é pouco coñecida a actividade nacionalista en Venezuela.

Podemos distinguir catro etapas de activismo, a primeira delas está vinculada a figura de Pepe Velo, é basaríase principalmente na súa influencia persoal. Pepe Velo foi presidente do Lar Galego. O Lar foi a primeira sociedade galega en Venezuela é os seus socios eran, principalmente, persoas de orixe republicana,... Esta primeira etapa do nacionalismo galego en Venezuela remata co acción do DRIL, cando toman o barco Santa María, e teñen que refuxiarse en Brasil.

A segunda etapa do nacionalismo en Venezuela, ten que ver coa presencia de Celso Emilio Ferreiro e coa Unión do Povo Galego (UPG). CEF organiza un grupo entre os que se contaba Pepe Sesto e o seu fillo Farruco, hoxe ministro do Goberno Revolucionario da República Bolivariana de Venezuela, tamén por estes tempos, visita Caracas Lois Soto, cando CEF retorna, cesa a actividade, deste tempo quedan publicacións diversas.

A terceira etapa chega a raíz da derradeira fornada de emigrantes, a finais dos 70 e primeiros anos dos oitenta, xente nova, algúns xa con militancia política no nacionalismo comtemporaneo, especificamente na AN-PG. En abril de 1979 constituíse Nova Galiza (NoGa), en maio publicase o primeiro numero do seu voceiro XERME. NoGa causou un forte impacto nunha comunidade nucleada en torno a Irmandade Galega, que agrupaba a máis de 40 mil galegos e galegas, e que estaba gobernada nese tempo pola Agrupación Galaica-Plancha 1, na cal tiña unha influencia determinante o PCE, que copaba a dirección da Agrupación Galaica e do Consello Directivo da Irmandade Galega. Neste contexto ten lugar un intento de captación da xente de NoGa por parte do PCE, ante o resultado negativo e os problemas que xorden con motivo da celebración do San Xoán e posteriormente do Día da Patria, os nacionalistas de NoGa son expulsados da Irmandade Galega por seis meses, pero a presión foi tal que aos tres meses o propio presidente da Irmandade Galega “convidou” aos expulsados a queixo, xamón e viño, pedindo que se esqueza o ocorrido. NoGa seguiu activa e publicando o Xerme deica 1984 en que saleu o derradeiro número que completou un total de cincuenta e catro números, incluídos dous XERMES infantís, feitos por nenos do entorno de NoGa. O retorno á Terra duns e as ocupacións doutros puxeron fin a esta fermosa etapa do nacionalismo galego, moi combativa e ilusiónante. NoGa foi para moitos dos que participamos de forma máis activa unha grande escola de activismo e concienciación.
O comité editor do XERME estaba formado por Anxo Barreiro, Ramón Maceiras, Antón Monteagudo, Ismael Rodríguez, Xoán Rodríguez, Leopoldo Romero, Antolín Fernández e Xosé Manuel López Trelles, contaba con colaboradores como Manuel María, Xesús Cambre Mariño, Xosé Neira Vilas, María Xosefa Soto, Mercedes Fuentes,...

A cuarta etapa e actual, esta marcada pola actuación da asociación civil, FORO SOLIDARIO GALEGO, fundada en 1996. Publicacións e foros son as principias actividades desta asociación nacionalista en Venezuela.

Santiago de León de Caracas, abril, 2009.
_____________________________________________________________________