jueves, 16 de julio de 2009

Gonzalo Gómez Caridad (1919-2007), in memoriam

Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración.
Gonzalo Gómez Caridad (1919-2007), in memoriam
Por Xurxo Martínez Crespo

O pasado 15 de novembro morreu Gonzalo Gómez Caridad, un home co que estou en débeda eu e moitos galegos que tiveron a sorte de coñecelo na emigración-exilio venezuelano.

Alegre e combativo
Galeguista convencido e convincente, Gonzalo é un dos moitos bos e xenerosos que chegou e abrazou a patria galega no exilio. Este coruñés que participou na guerra civil española do lado que non quería (como Celso Emilio, Xosé Velo e un longo etcétera) decidiu un día poñer mar por medio dun país escuro, fascista e totalitario e abrir a mente no exilio venezuelano.
Funcionario do Concello de A Coruña e xa casado con Josefa Freire, ámbolos dous embarcan no “Marques de Comillas”, vía New York - La Habana, rumbo a Venezuela.
Gonzalo foi un dos primeiros emigrantes galegos chegados a Venezuela. Eran moitas as restricións á chegada destes homes e mulleres ao país caribeño, e paradoxicamente, non sería até a chegada do ditador Marcos Pérez Jiménez quen coa súa megalomanía-faraónica-construtora abre as portas á man de obra especializada e barata do Estado español e de Italia entre 1954 e 1958.
En 1948 embarca o matrimonio Caridad-Freire a Venezuela. Unha parada en La Habana para visitar á familia do republicano lucense Vázquez Gayoso, máis tarde representante diplomático da lexítima República española ante o Goberno venezuelano entre os anos de 1945 a 1949 que afianzará aínda máis o seu compromiso coa legalidade no exilio.Os primeiros anos en Venezuela son difíciles. Venezuela, malia as oportunidades, é unha economía pouco diversificada e un país aínda rural. En Caracas entra en contacto cos recen chegados exiliados do noso país. Mergúllase por completo e Gonzalo Gómez Caridad “renace galego” da man de Xosé Velo Mosquera e de Xoán Noya principalmente en Venezuela e do oftalmólogo Antón Beiras na Galiza dos anos 50.

Actividade incesante
A vida de Gonzalo en Venezuela ten un profundo sentido galeguista e concienciador dos homes e mulleres galegos que, anos despois, chegarían analfabetos, política e historicamente, verbo a realidade do noso país.
Participa na fundación do Lar Gallego en 1948, segundo centro de exiliados autorizado por el Ministerio do Interior venezuelano despois do Caracas Eusko Etxea (Centro Basco de Caracas). Este Lar Gallego, herdeiro da lexitimidade democrática da República española, rompe relacións coa representación diplomática fascista española en Venezuela e asume como sinais de identidade a bandeira republicana e a galega.
No Lar Gallego temos na directiva, presidida por Xosé Velo, a Gonzalo como secretario. Eran membros deste Lar persoeiros destacados do exilio como Mariano Otero Castelao, Isolino López, José Silva, Pura Vázquez, Baldomero Gallego, Manolo Gallego, Jesús Vázquez Gayoso, Manuel Meilán, Silvio Santiago e os irmáns socialistas Somoza. Da Xunta Directiva deste Lar sairá a proposta e a comisión que tempo máis tarde logrará a fusión de todos os centros galegos da capital venezuelana, que xa rematando a década dos cincuenta eran tres: Lar Gallego, Centro Gallego e Casa Galicia.
O labor de concienciación patriótica do Lar non estaba reducido ás xentes chegadas da Galiza, senón e esto é algo moi importante, a un labor de semente na Galiza ocupada polo esquecemento e a represión.
Foi idea do Lar a creación dos premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, de Pintura, Maside e literario Ramón Otero Pedrayo, concedido por vez primeira á pedagoga Antía Cal por un traballo verbo o ensino en galego para nenos pequenos. A realidade da colectividade galega na emigración era similar á do Estado español de 1935. Dúas comunidades fortemente divididas ideoloxicamente que trasladaban esa división á realidade galega que trataban de influír dende Latinoamérica concedendo axudas económicas á cultura galega, como a editorial Galaxia, ou fomentando e preservando unha cultura galega prohibida na Galiza.Así, sementando xenreiras gratuítas na comunidade galega na emigración-exilio, aqueles que detentaban o poder dentro e fóra do Estado español alongaban a posibiliade de unión e forza que tanto precisaban estes exiliados económicos e políticos.

2 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Estimado Trelles, le escribe uno de los nietos de Gonzalo Gómez Caridad, hoy he dado con esta información y noté que el enlace al final apunta a una página muy general, por lo que le facilito este que va directo a la información que es fuente del escrito: http://enciclopediadaemigraciongalega.com/biografias/gomezcaridad.htm

    Aprovechando la oportunidad:
    Me gustaría entrar en contacto con usted, a modo de retomar esos antiguos contactos de mi abuelo con quienes ayudaron a formar la Hermandad Gallega en Caracas. El amigo Anxo quedó en hacerle llegar por vía electrónica algunos medios de contacto.

    Saludos

    ResponderEliminar