jueves, 16 de julio de 2009

A emigración e o exilio das galegas e galegos a Venezuela 1936-1955

Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración
A emigración e o exilio das galegas e galegos a Venezuela 1936-1955 por Xurxo Martínez Crespo

Galegos inmigrantes irregulares detidos no campo de concentración de Guasina en1945.

Venezuela non adoitou ser un lugar de recepción de emigrantes galegos. Cando os barcos enchían as súas adegas de homes ían a comezos do século XX ían a Cuba, Brasil, Arxentina e Uruguai. Crises económicas, circunstancias políticas, leis de inmigración e incluso “modas” determinaron que a emigración galega elixira determinados lugares en detrimento doutros.
A guerra incivil do 1936 ao 1939 determinou a saída de moitas galegas e galegos, e a escolla do lugar de emigración dependeu moito, simplemente, do país que quixese acollelos, como foi o caso de México ou Venezuela.
A chegada de exiliados, a súa recepción por parte do goberno venezolano, chocou coa oposición dunha maioritaria opinión católica tradicional que apoiaba abertamente ao xeneral Franco e a súa “santa cruzada”. Só os vascos salvaron os obstáculos da chegada e da entrada polo seu recoñecido e aberto carácter de católicos conservadores.
O 11 de xullo de 1936, co fin de fomentar a inmigración, apróbase en Venezuela a Lei de Inmigración e Colonización. A lei especificaba claramente quen podían acollerse á lei e entrar a Venezuela. Entre os principais requisitos estaba o de ser de raza branca, non ter antecedentes penais, ter un oficio e non profesar ideas contra a Constitución ou a forma de Goberno.

............
Coa progresiva perda da República, Francia comeza a recibir centos de milleiros de exiliados e desprazados. Solicita a Venezuela cooperación e acollida, ao que Venezuela responde que “a capacidade de absorción de inmigrantes no momento, estaba limitada polas disposicións legais, polo incipiente funcionamento dos seus organismos de colonización, pola necesidade de escoller os elementos de integración entre traballadores agrícolas, os técnicos e os obreiros especializados en certas industrias, polas exixencias do equilibrio demográfico, que reclaman diversidade racial, polo deber de preservación da paz social que puidera ser perturbada pola admisión sen reservas de elementos que profesen “ideoloxías extremas”, circunstancia que impón métodos coidadosos de selección”.
Ante as autoridades franquistas actuaba como ministro plenipotenciario Carracciolo Parra Pérez que recibira instrucións do seu goberno para que admitise agricultores, técnicos e empregados de industrias, preferibelmente vascos e cataláns, mineiros e obreiros metalúrxicos, pero tendo en conta que a selección debía ser “coidados” e excluírse aos “extremistas”.

Continúa en http://www.galizacig.com/vella/indice.html

Luís Noia Domínguez

Luís Noia Domínguez in memoriam (1936-2006)
Por Xurxo Martínez Crespo

En out4ubro de 1932 nace en A Guarda Luís. Fillo de Xoán Noia, o tenente alcalde no momento do golpe fascista do 18 de xullo de 1936. O propio pai narra no seu libro Fuxidos a súa vida na vila pontevedresa: “Exixencias dun miserábel vivir liquidaban a miña nenez, os xogos propios desta idade e os estudos. Impúñaseme a gavela de suar o meu primeiro salario. Un peso ó mes! Sesenta pesetas ao ano!” Así, con este sacrificio, iniciouse a forxar a recia personalidade deste guardés e dos seus fillos, que tiveron no seu pai Xoán un exemplo nunca abondo valorado polas novas xeracións de galegas e galegos.

Quixo a chamada apor Xosé Sesto “loita cainesca” que Xoán marchara a Venezuela cos seus fillos, e voltara axiña de novo a Galiza, voltando definitivamente Luís a comezos dos 60 ao carón do pai para quitar adiante a imprenta familiar Gráficas Numen.En Venezuela, Luís participa da vida do republicano e galeguista Lar Gallego que se fundara en 1945, pouco tempo despois do Eusko-Etxea de Caracas e moito tempo antes que o Centré Catalá, os tres de marcado talante antifascista e democrático. Par antes de voltar a Galiza participar na fundación da Irmandade Galega de Venezuela o 12 de outubro de 1960.

Futbolista de vocación, en Venezuela organiza e participa do fútbol entre as comunidades inmigrantes. A familia Noia, en Caracas, o seu irmán Óscar, foi un facho aceso de cultura galega, e a embaixada galega nese país. Sen os Noia no país caribeño nin Pura Vázquez, nin Celso Emilio, nin tantos outros poderían ter chamado algo como “fogar” lonxe das súas casas.
Pero todos eles compartiron e debeceron por unha Galiza máis galega, máis xusta, máis humana. Con ese mecenazgo humano que tiveron cos chegados, ou cos traídos como no caso de Celso Emilio, que chegou a Venezuela da man do irmán de Luís, Óscar.

A volta definitiva de Luís a Galiza quixo que o fado que fora unha volta de película. O barco portugués Santa María foi secuestrado polos coñecidos de Luís, Xosé Velo e o comandante Soutomaior. A Luís débese a única filmación existente do secuestro, filmación que tomara coa súa pequena cámara e que agochara ao chegar a Canarias para que non fora confiscada polas autoridades franquistas que ían detrás de calquera tipo de probas que axudasen a recoñecer aos membros do Directorio Ibérico de Liberación; así con esa pequena e curta gravación Luís pasou a posteridade e a historia gráfica de Galiza.

Na súa imprenta chegaban correos humanos e contactos do Partido Comunista na clandestinidade, por recursos e con ordes. A súa foi unha actividade política ininterrompida, e o máis importante comprometida coa cultura deste país.

A derradeira vez que vin a Luís foi en Santiago, na praza do Obradoiro. Levábamos horas agardando para poder saudar ao presidente venezuelano que ía pasar só tres horas no noso pequeno país. Malia a doenza e o mal tempo alí estivo connosco. Foi grazas a Luís que tivemos eses fermosos cartaces de solidariedade coa revolución bolivariana, nunca pagados que saíron do seu prelo... do seu Numen, literalmente e das súas firmes crenzas.

Compromiso é unha palabra en desuso nestes tempos. Luís tíñao, co seu país e países nos que inclúo á nosa nunca abondo querida Venezuela. Coa súa familia e coa historia e cultura de Galiza.
Home solidario e bo, en fin, morreu Luís Noia. Sei que moitos en Caracas lamentarán a súa irreparábel perda. Os seus amigos como Xesús López, Manuel Álvarez Quiroga, Eduardo Meilán e tantos e tantos outros.

Nós, galegas e galegos de Venezuela, de Galiza e de todos os recunchos tivemos a sorte de coñecer o que el e os seus fixeron po todos nós. Agradecémolo seguindo o seu exemplo. Ben dixo Castelao que non existe maior secesión nin separatismo que o que existe entre pobres e ricos; Luís sabíao e dende a súa pequena trincheira de follas, letras e libros loitou toda a súa vida contra esa secesión e ese separatismo. O sábado 19 de agosto as súas cinzas serán esperexidas na súa vila de A Guarda, ao carón do mar que o viu partir e voltar. Moitas grazas Luís Noia e boa viaxe.

Manuel Vilariño Santomé


Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración
Manuel Vilariño Santomé: Un represaliado político galego chegado nunha patera a Venezuela en 1948
Por Xurxo Martínez Crespo
Manuel Vilariño Santomé naceu en Moaña en 1916 unha primeira vez, e en Venezuela unha segunda. Este samurai do destino ten mil achaques propios da idade. A súa vida parece como se se circunscribise a unha viaxe, a unha viaxe sen regreso como a morte, pero esa viaxe fíxoa cara á vida, non cara á outra vida, senón á vida que se lle negou no Estado español fascista de 1936. A súa viaxe contouma en Caracas en 2002.
Irmán dos famosos sindicalistas, Vilariño Santomé, foi detido en 1936 xunto con eles. A súa vida política, antes da rebelión e do golpe de Estado do 18 de xullo dese mesmo ano reducírase á defensa dos mariñeiros da súa vila natal, acusados, entre outras moitas cousas, de pescar con dinamita.
Publicou un acendido documento en 1935 sobre este punto na prensa sindical de 1935, que lle valeu o recoñecemento dos seus irmáns.
En decembro de 1936 é condenado a cadea perpetua, condena que cumpre en varias prisións. Son detidos con el tres dos seus irmáns, un deles secretario xeral do sindicato de mariñeiros de Moaña, outro concelleiro. Jesús e Antonio serían fusilados, ademais do alcalde de Moaña, en Vigo, o 31 de decembro de 1936.Vilariño pasou a guerra civil en varios cárceres e prisións. A súa militancia reducíase, a súa culpabilidade, a ser irmán de tan coñecidos sindicalistas e cargos públicos de Moaña.

María Teresa Cuenca Estevas



Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración
María Teresa Cuenca Estevas in memoriam
Vigo, 6 de xuño de 1913 - Caracas, 16 de xaneiro de 2007
Por Xurxo Martínez

María Teresa foi enterrada ao día seguinte do seu pasamento, o mesmo día que nacera o fillo a quen dera vida e por quen dera toda a súa vida: Alejandro Tejero Cuenca.
Morreu sen conseguir os restos do cadáver torturado e esnaquizado do seu fillo. Un deses bos e xenerosos que deron a vida por nada. Mais María Teresa deixou un exemplo de vida imborrábel. Dende a súa loita denodada contra a farsa democrática que era a “democracia” venezolana de entre 1959 e 1999, na que a desaparición (asasinato) dos opoñentes políticos foi unha práctica habitual dos gobernos de Rómulo Betancourt, Raúl Leoni, Rafael Caldera, Carlos Andrés Pérez e Jaime Lusinchi.
Sen culpábeis polas desaparicións, asasinatos e torturas. Un exército represor do seu propio pobo servía a tiranos con disfraces de “lexitimidade” e legalidade democrática. Eran os anos en que a Escola das Américas do Comando Sur de Estados Unidos con base en Panamá (hoxe en Georgia-EUA) adestraba no exercicio da tortura e o asasinato a maior parte dos oficiais e exércitos de Latinoamérica.
María Teresa tomou parte activa na defensa da democracia contra o golpe de Estado de xullo de 1936 polos militares fascistas e forzas políticas e sociais reaccionarias. Os seus irmáns Juan, Luís (falecido na fronte de Madrid), Francisco e o seu pai foron todos membros do exército legal da República, mentres que María Teresa desenvolveu o seu labor no Ministerio de Guerra con Indalecio Prieto e con Ignacio Hidalgo de Cisneros, encargado das compras de armas para a República.
Casa co aviador segoviano Braulio Tejero, e ambos os dous marchan ao exilio francés en 1939. Perseguida e buscada polas autoridades franquistas, o seu nome será radiado por todo o Estado español fascista como unha perseguida.

Gonzalo Gómez Caridad (1919-2007), in memoriam

Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración.
Gonzalo Gómez Caridad (1919-2007), in memoriam
Por Xurxo Martínez Crespo

O pasado 15 de novembro morreu Gonzalo Gómez Caridad, un home co que estou en débeda eu e moitos galegos que tiveron a sorte de coñecelo na emigración-exilio venezuelano.

Alegre e combativo
Galeguista convencido e convincente, Gonzalo é un dos moitos bos e xenerosos que chegou e abrazou a patria galega no exilio. Este coruñés que participou na guerra civil española do lado que non quería (como Celso Emilio, Xosé Velo e un longo etcétera) decidiu un día poñer mar por medio dun país escuro, fascista e totalitario e abrir a mente no exilio venezuelano.
Funcionario do Concello de A Coruña e xa casado con Josefa Freire, ámbolos dous embarcan no “Marques de Comillas”, vía New York - La Habana, rumbo a Venezuela.
Gonzalo foi un dos primeiros emigrantes galegos chegados a Venezuela. Eran moitas as restricións á chegada destes homes e mulleres ao país caribeño, e paradoxicamente, non sería até a chegada do ditador Marcos Pérez Jiménez quen coa súa megalomanía-faraónica-construtora abre as portas á man de obra especializada e barata do Estado español e de Italia entre 1954 e 1958.
En 1948 embarca o matrimonio Caridad-Freire a Venezuela. Unha parada en La Habana para visitar á familia do republicano lucense Vázquez Gayoso, máis tarde representante diplomático da lexítima República española ante o Goberno venezuelano entre os anos de 1945 a 1949 que afianzará aínda máis o seu compromiso coa legalidade no exilio.Os primeiros anos en Venezuela son difíciles. Venezuela, malia as oportunidades, é unha economía pouco diversificada e un país aínda rural. En Caracas entra en contacto cos recen chegados exiliados do noso país. Mergúllase por completo e Gonzalo Gómez Caridad “renace galego” da man de Xosé Velo Mosquera e de Xoán Noya principalmente en Venezuela e do oftalmólogo Antón Beiras na Galiza dos anos 50.

Actividade incesante
A vida de Gonzalo en Venezuela ten un profundo sentido galeguista e concienciador dos homes e mulleres galegos que, anos despois, chegarían analfabetos, política e historicamente, verbo a realidade do noso país.
Participa na fundación do Lar Gallego en 1948, segundo centro de exiliados autorizado por el Ministerio do Interior venezuelano despois do Caracas Eusko Etxea (Centro Basco de Caracas). Este Lar Gallego, herdeiro da lexitimidade democrática da República española, rompe relacións coa representación diplomática fascista española en Venezuela e asume como sinais de identidade a bandeira republicana e a galega.
No Lar Gallego temos na directiva, presidida por Xosé Velo, a Gonzalo como secretario. Eran membros deste Lar persoeiros destacados do exilio como Mariano Otero Castelao, Isolino López, José Silva, Pura Vázquez, Baldomero Gallego, Manolo Gallego, Jesús Vázquez Gayoso, Manuel Meilán, Silvio Santiago e os irmáns socialistas Somoza. Da Xunta Directiva deste Lar sairá a proposta e a comisión que tempo máis tarde logrará a fusión de todos os centros galegos da capital venezuelana, que xa rematando a década dos cincuenta eran tres: Lar Gallego, Centro Gallego e Casa Galicia.
O labor de concienciación patriótica do Lar non estaba reducido ás xentes chegadas da Galiza, senón e esto é algo moi importante, a un labor de semente na Galiza ocupada polo esquecemento e a represión.
Foi idea do Lar a creación dos premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, de Pintura, Maside e literario Ramón Otero Pedrayo, concedido por vez primeira á pedagoga Antía Cal por un traballo verbo o ensino en galego para nenos pequenos. A realidade da colectividade galega na emigración era similar á do Estado español de 1935. Dúas comunidades fortemente divididas ideoloxicamente que trasladaban esa división á realidade galega que trataban de influír dende Latinoamérica concedendo axudas económicas á cultura galega, como a editorial Galaxia, ou fomentando e preservando unha cultura galega prohibida na Galiza.Así, sementando xenreiras gratuítas na comunidade galega na emigración-exilio, aqueles que detentaban o poder dentro e fóra do Estado español alongaban a posibiliade de unión e forza que tanto precisaban estes exiliados económicos e políticos.

miércoles, 15 de julio de 2009

1979. DÍA DA PATRIA GALEGA EN CARACAS, FAI 30 ANOS


Este acto do día da Patria de 1979 fixémo-lo no vello Teatro Rosalía de Castro, da Irmandade Galega de Venezuela.
Na foto, en primeiro termo na esquina inferior dereita está Eliseo Montes (do PCE), e ao lado o noso compañeiro Xesús López Varela, pareceme que a que está detras de Xesús é Mari Carmen Fernández.
Este acto, do Día da Patria, deu lugar a que continuara a confrontación co Consello Directivo de turno que empezara cando nos usurparán a festa do San Xoán. Ameazas coa presencia da policía política, patrullas fora da Irmandade e axentes rondando no interior, non foron quen de disuadirnos.
Ao fondo da foto, sostendo a pancarta das Bases Constitucionais, están Xosé Manuel López Trelles e Leopoldo Romero (Curro).
Na madrugada do día 25 un “misterioso comando vandálico de Nova Galiza” secuestrou a corda do mástil onde tiña que ondear a bandeira española dos borbons. Aínda hoxe conservo o pedazo que me tocou do reparto, con tres nudos.Todo este asunto rematou con seis expulsados da Irmandade Galega de Venezuela, acontecemento que merecera a portada do semanario “A Nosa Terra”.