sábado, 12 de septiembre de 2009

De capitán Mosqueira ao capitán Cerdeira de La Catira




De capitán Mosqueira ao capitán Cerdeira de La Catira Por: Xurxo Martínez Crespo

O primeiro e derradeiro magnicidio da historia venezuelana foi o de Delgado Chalbaud, magnicidio nunca resolto. A presidencia foi ocupada polo coronel Marcos Pérez Jiménez. El, e sobre todo o seu ministro do Interior, Ernesto Vallenilla Lanz, foron os encargados de tratar de opacar a figura do literato que derrocaran uns anos antes.

Vallenilla contrata a Cela (casualmente) para tratar de opacar a novela de Gallegos Doña Bárbara. Para La catira, Cela viaxou ás chairas venezuelanas coñecidas como llanos. Un llano é o equivalente á pampa arxentina.

Camilo José Cela, o tempo que estivo nos llanos do estado Apure empregou os coñecementos de Mosqueira Manso para que lle servisen de guía, ou como din os venezuelanos, de baquiano.

Encantado ficou nese bravo lapso de tempo, Cela, da natureza e de Mosqueira, tanto asi que Mosqueira quedou como un dos protagonistas de La Catira co nome de “capitán Cerdeira”.

Mosqueira en La Catira

“O capitán Cerdeira navegara os sete mares. O capitán Cerdeira -pequeniño e rexo, delgado e voluntarioso- era un bo celta mariñeiro e trotamundos, que decote quería ver o que ficaba alén do horizonte.

-Estamos no reino dos caribes (nome venezuelano para as pirañas), amigo meu, o río Apure é todo el unha inmensa caribera.

-Si, señor.

-E tanto! Quen caia á auga por estas latitudes, non o conta.

-Si, señor.

O capitán Cerdeira, de pé no bongo, que xa é difícil, semellaba o nobre porte dun vixía do tempo dos descubrimentos. Evaristo quiso ser orixinal.

-Capitán, sabe vostede o que penso?

O capitán Cerdeira fitou a Evaristo con certa estrañeza. O capitán Cerdeira non sospeitaba que Evaristo pensase. -Non, que pensa vostede?

Evaristo tomou alento; despois, sorriu.

-Pois penso que ten vostede o nobre porte dun vixía do tempo dos descubrimentos.

O capitán Cerdeira ensaiou un condescendente aceno de aprobación.

–Grazas, Evaristo...

Evaristo, antes Camilo, aquel galego do discurso, andou unha tempada polo Orinoco, acompañando ao seu paisano o capitán Cerdeira, o home que máis sabia de tartarugas en todo o universo.

Eis a descripción cuspida de Mosqueira Manso vista a través dos ollos e a pluma de Camilo José Cela durante a súa estadía en Venezuela.

A fundación do LAR GALEGO


Mosqueira Manso xunto a unha ducia de galegos de carácter progresista fundou, o 9 de febreiro de 1945, o Lar Gallego.

Na Memoria do Ministerio de Relacións Interiores, 1945-1946, p. LVII, subliñan a profunda relación do presidente e escritor Rómulo Gallegos Freire, descendente de galegos e que pasara tres veráns exilado en Beluso (Bueu), e o ministro de relacións exteriores, o poeta Andrés Eloy Blanco Meaño, descendente tamén de galegos e afervoado defensor da República española.

Mosqueira foi elixido presidente entre os 49 socios fundadores. O fillo do capitán Mosqueira, Fernando, recrea o intre así: “Os ‘catro gatos’ que fundamos o Lar Galego de Caracas, nacéramos, todos, en Galiza e, na nosa primeira xuntanza da Xunta Directiva, acordamos, por unanimidade, que mentres estivésemos no Lar, falaríamos a lingua de Rosalía, Pondal e Castelao”.

O día da fundación na sede do Lar apareceu por sorpresa o escritor (que tres anos despois sería presidente) Rómulo Gallegos Freire e o que sería o seu ministro de exteriores Andrés Eloy Blanco Meaño, foron nomeados imediatamente, ambos os dous, socios de honra.

Presidente fundador do Lar Galego, primeira asociación galega na Venezuela.



Xosé María Mosqueira Manso
Corme, 17 de outubro de 1886, Caracas, 18 maio de 1968
Por: Xurxo Martínez Crespo-

A vida do capitán Mosqueira Manso deixa pequena a de calquera aventureiro do cine. Ictiólogo, cartógrafo, biólogo, historiador, mariño. A Mosqueira Manso debemos a honra, en pleno século XX, de que moitos dos mapas realizados por vez primeira en Venezuela e na República Dominicana levasen a sinatura deste ilustre cormés. Estudoso das tartarugas do Orinoco, o seu traballo verbo as tartarugas arrau (podocnemis expansa) e o descubrimento das tartarugas albinas, hoxe, medio século despois, continúa a ser de gran valía para os estudos destes réptiles.

Este breve limiar dá fe do abraio que xera a figura de José María Mosqueira Manso entre as persoas que se achegan a ela.

A vida fóra do seu natal Corme para José María Mosqueira comezou cando cumpriu os 8 anos. A esa idade marchou cos seus pais cara a Santiago para ingresar no seminario, no que pasou cinco anos.

Polo que devecía o rapaz José era pola mar, e tanto devecía, que o seu pai o embarcou nun pequeno barco de vela que adoitaba viaxar cara a Xixón dende a pequena vila mariñeira de Corme, e así comezou a carreira marítima deste home de letras, mares, microscopios e mapas chamado José María Mosqueira Manso.

Mosqueira ingresou na Escola de Náutica e, ao rematar os seus estudos, embarcou nun barco de tres mastros que desprazaba 300 toneladas, barco sen igual na pequena vila de Corme.

Embarcou como agregado, coa obriga de facer no mar 200 días de vela e outros tantos de vapor para ter dereito a facer a proba de piloto.

A súa primeira viaxe de altura foi desde a Guinea Española até a República Arxentina. 109 días a través do océano. A viaxe desde Fernando Poo até Buenos Aires prolongouse debido á ausencia de vento; porén os agregados coma Mosqueira, aledáronse, porque eses días eran "días de mar" e a ese paso axiña poderían examinarse para ser pilotos. Despois quedaban os días de vapor, mais por aquelas datas interesaban máis os barcos de vela que os de vapor.



Para ser capitáns aínda quedaban moitos días para viaxar sobre as ondas. José Mosqueira Manso foi capitán da mariña mercante aos 25 años, casou ese mesmo ano con Honorina Vecino, e tivo o seu primeiro fillo Manuel o ano seguinte e outro máis, Francisco, aos 21 meses de celebrado o matrimonio.

O seu primeiro libro foi El Patrón de Cabotaje. Pasan algúns anos, e Mosqueira Manso é capitán con mando. Ocupa varios cargos oficiais como axudante militar de mariña en Viveiro e Ortigueira.

Estudou a fauna do litoral sahariano contratado por un consorcio pesqueiro privado publicando tres cartas de pesca de España, unha de carácter xeral, Costas sur española y portuguesa hasta Cabo Blanco del Sur (África) e dúas particulares Caladero de Cabo Jubi (África) e Caladero de São Vicente (Portugal).

Empezou a compaxinar a navegación con escritos de carácter divulgativo e científico en revistas especializadas de Vigo e en Vasconia Industrial y Pesquera de Donosita en 1929.

O seu traballo Biología de la Merluza-Sus variaciones sexuales-Su pesca, foi premiado pola Sociedade Oceanográfica de Guipúscoa co primeiro premio en concurso aberto en 1935.

Mosqueira Manso deixara a navegación, dende 1931, data na que obtivo o título de oficial da Reserva Naval Española, pasando a ser capitán de porto en Sevilla e subdelegado marítimo e de pesca de Santa Uxía de Ribeira. Estando en Ribeira estoupou a guerra.

Mosqueira pertencia ideoloxicamente, aínda que non militaba en ningún partido nin tiña ningún cargo político, ao bando republicano. Fuxiu do lado feixista no que permecera ocupando un cargo público outorgado pola legalidade republicana. Decide abandonar a loita fratricida e aceptar as ofertas laborais que dende hai anos recibira da República Dominicana; xa daquela deprimido pola guerra e a morte da súa compañeira, marcha cara ao exilio do que nunca máis volvería.


A guerra

O primeiro día de xullo de 1937, Mosqueira Manso toma o tren na Coruña cara á fronteira francesa.

O embaixador dominicano ante a República española, que residía en Hendaia cos demáis embaixadores ante a República Española, foi despedilo despois de darlle os seus documentos e a súa nova nacionalidade dominicana como salvoconduto.

Chega a Burdeos e embarca nun barco da Compañía Transatlántica Francesa. Viaxa contratado polo goberno do ditador Trujillo, con todos os gastos cubertos e co pasaporte dominicano no peto. Moitos outros, como Mosqueira Manso, descoñecían a clase de réxime que detentaba o poder na illa dominicana, uns máis axiña que outros (Galíndez e Almoyna foron asasinados) abandonaron a illa ao pouco noutras direccións, cara a outros países.

Mosqueira Manso chega a Puerto Plata, o segundo porto ao norte de Santo Domingo. Atravesou toda a illa, de norte a sur, até a capital, Santo Domingo, que daquela se chamaba Ciudad Trujillo, nome co que o sátrapa no poder bautizara a capital.

O presidente Trujillo, que tan maxistralmente describiu Mario Vargas Llosa en La fiesta del Chivo, incentivou a chegada de refuxiados políticos republicanos á República Dominicana. De todos é coñecida a chegada de homes cun grande relevo político, cultural e intelectual como Jesús de Galíndez, Alberto de Paz y Mateos, Ramón Suárez Picallo, o profesor Almoyna de Lugo ou Eugenio Fernández Granell, entre outros republicanos que máis tarde ou máis cedo tiveron que abandonar a illa debido ao carácter despótico do alcumado presidente Chapita, tamén coñecido coma o “Benefactor” Leonidas Trujillo.

Mosqueira desenvolvía o seu labor como tecnico pesqueiro, recibindo ordes directas do ditador Trujillo, co cal departía acotío. Posuía, dentro da xerarquía gobernamental dominicana, o rango de ministro sen carteira.

Levantou moitas cartas de pesca e mapas das costas da República Dominicana; moitos dos mapas, asinados polo propio Mosqueira adornaban as paredes das oficinas de Trujillo e do seu pazo presidencial.

Navegaba co xeneral Trujillo no iate Ramfis (nome tamén do fillo menor do presidente) o que é proba da admiración que sentía por este cormés o ditador dominicano.

Porén, a admiración non era mutua, e Mosqueira aproveitou o final dos tres anos de contrato para fuxir de Trujillo e marchou cara a Venezuela, onde soprarían ventos máis propicios para os republicanos co recoñecemento da legalidade da República española a partir do golpe de Estado da Xunta Revolucionaria de Goberno de 1945 presidida por Rómulo Betancourt e que tiña como un dos seus membros o político anteriormente exiliado na Galiza con Rómulo Gallegos: Gonzalo Barrios.



Unha tartaruga arrau (podocnemis expansa) hoxe. Esta espécie, protexida polo goberno venezuelano grazas aos desvelos do capitán Mosqueira Manso, está hoxe en perigo de extinción.

Venezuela 1940. As tartarugas arrau (podocnemis expansa)

Mosqueira Manso é unha tatuaxe na Venezuela. A súa pegada na cartografía, na bioloxía mariña ou mesmo como guía de Camilo José Cela, que retratou a Mosqueira en La Catira, dan unha imaxe da importancia deste cormés universal.

No alto do río Orinoco descubriu e catalogou mexillóns xigantescos. Dentro dos descubrimentos naturais temos o que fixo das tartaruguiñas albinas.

As tartarugas arrau (podocnemis expansa) do Orinoco, cando chegaba a época de pór os ovos, deixaban as augas do Orinoco e subían pola praia abondo para que as subidas do río non atinxisen os seus niños pero, asemade, non ían demasiado lonxe para que os tartaruguiños tivesen tempo de alcanzar a auga cando saísen do ovo.

As aves de rapiña axexaban, e aínda que os tartaruguiños trataban de correr, moitos ficaban no camiño. Nunha desas noites, na que a multitude de tartaruguiños amoreados, trataba de acadar as augas do Orinoco, Mosqueira observou, na escuridade, algo que brillaba. Eran o que máis tarde serían os célebres tartaruguiños albinos. Eran dous tartaruguiños pequerrechos que se distinguían dos outros pola súa brancura.

O capitán Mosqueira, agás o seu cargo co goberno venezuelano, era membro da Sociedade de Ciencias Naturais de Lasalle. Pronto houbo movemento entre os científicos, e a prensa falou dos tartaruguiños.

O seu amor polo Orinoco e as tartarugas "Arrau" (Podocnemis expansa), fíxolle pensar que o mellor que podía facer na súa vida era ficar ás beiras do río Orinoco, co seu metro, a sua báscula e o seu magnífico reloxo e co agarimo dos indios que lle axudaban, tan afectivos, tan humanos, tan bondadosos.

O capitán Mosqueira co seu metro medía a altura e o largo do niño, o tamaño dos ovos, a distancia entre o río e o niño, e o que fixese falla. Coa báscula pesaba os ovos e os tartaruguiños ao nacer e, cando medraban, convertianse nunhas señoras tartarugas que puñan de 80 a 100 ovos.

Desta época, 1943, son os seus traballos Superfície e profundidades do Rio Orinoco e os mapas ilustrativos, o libro Ostras y perlas de Margarita; centos de escritos en xornais e revistas de España, República Dominicana e Venezuela.

Fundador do Lar Galego de Caracas

Os exiliados republicanos tiñan moitos problemas co seu densenvolvemento como colectivo na Venezuela. Tíñano antes de chegar, a súa chegada fora traumática, pero aínda así, unha vez na Venezuela tentaron organizarse en centros colectivos.

O goberno venezuelano non daba a autorización para que eles poideran asociarse, pois consideraban que eran perigosos polas súas ideas esquerdistas, e a lei prohibía taxativamente as actividades políticas dos estranxeiros. A Casa de España (republicana), Centro Basco (Caracas’ko Eusko Etxea) e o Centro Canario foron as primeiras organizacións permitidas coa prohibición expresa de calquera actividade política en chan venezuelano e unha estrita vixilancia por parte das autoridades.

Mosqueira Manso xunto a unha ducia de galegos de carácter progresista fundou, o 9 de febreiro de 1945, o Lar Gallego.

Na Memoria do Ministerio de Relacións Interiores, 1945-1946, p. LVII, subliñan a profunda relación do presidente e escritor Rómulo Gallegos Freire, descendente de galegos e que pasara tres veráns exilado en Beluso (Bueu), e o ministro de relacións exteriores, o poeta Andrés Eloy Blanco Meaño, descendente tamén de galegos e afervoado defensor da República española.

Mosqueira foi elixido presidente entre os 49 socios fundadores. O fillo do capitán Mosqueira, Fernando, recrea o intre así: “Os ‘catro gatos’ que fundamos o Lar Galego de Caracas, nacéramos, todos, en Galiza e, na nosa primeira xuntanza da Xunta Directiva, acordamos, por unanimidade, que mentres estivésemos no Lar, falaríamos a lingua de Rosalía, Pondal e Castelao”.

O Lar precisaba unha casa, unha casa abondo ampla. Durante algún tempo, usaran os locais do Centro Canario e da Casa de España.

O día da fundación da sede do Lar apareceu por sorpresa o escritor (que tres anos despois sería presidente) Rómulo Gallegos Freire e o que sería o seu ministro de exteriores Andrés Eloy Blanco Meaño, foron nomeados imediatamente, ambos os dous, socios de honra.

O mesmo fillo de Mosqueira conta a anécdota do seguinte xeito: “O meu pai, que viaxara moito, tiña o costume de levar unha pequena Kodak no peto e en calquera lugar quitaba fotografías (era un namorado da fotografía), e, que aconteceu?..., pois quixo a casualidade que o meu pai viaxase pola provincia de Pontevedra e, en Bueu e o seu contorno, quitara varias fotografías.


Mosqueira Manso, na inauguración do Lar Galego de Caracas, mostroulles a Don Rómulo e á sua esposa, Dona Teotiste, as fotografías de Bueu e Beluso, onde pasaran tres veráns. Don Rómulo colleu as fotos e mirounas, detidamente e con emoción: “Si, muller, lembro estes lugares e os nosos paseos ao solpor, e lembro a xente, a boa xente que moraba neses lugares. Eran galegos, coma os meus avós maternos. Lémbroos a todos con agarimo”.

Tamén, por casualidade, e falando de viaxes e lugares, meu pai mostroulles a Don Rómulo e á sua esposa, Dona Teotiste, esas fotografías. Esta, ao velas, lanzou unha exclamación de xúbilo. Dona Teotiste dixo, dirixindose ao grande escritor: ‘Olla Rómulo! non che trae isto lembranzas? Olla esta árbore, neste carreiriño e o prado que está á dereita. Cantas lembranzas, que fermosos recordos! Lembraste daqueles seráns, cando paseabamos por Bueu?’.

Don Rómulo colleu as fotos e mirounas, detidamente e con emoción:

-Si, muller, lembro estes lugares e os nosos paseos ao solpor, e lembro a xente, a boa xente que moraba neses lugares. Eran galegos, coma os meus avós maternos. Lémbroos a todos con agarimo”.

Pero a historia non perdoou a Rómulo Gallegos. E o seu democrático goberno, de só uns meses, foi derrocado por un incruento golpe militar presidido por Delgado Chalbaud, Lovera Llopís e Marcos Pérez Jiménez.



A pegada de Mosqueira trascende o ámbito do exilio e da colectividade galega en Caracas. O seu labor científico a través de traballos cos tartaruguiños albinos, as tartarugas arrau (podocnemis expansa) ou incluso os estudos de rendibilidade do cultivo de ostras no mangle da illa de Margarita fan de Mosqueira un adiantado no eido da investigación mariña, ademais da valiosa achega, no exilio, que fixo cos seus traballos sobre a industria de extracción pesqueira para Galiza.

Mosqueira Manso, inutilmente e desgrazadamente esquecido polo pobo galego, é aínda hoxe, un referente nos estudos biolóxicos de Latinoamérica.

Morreu en Caracas coa lembranza da súa compañeira Honorina Vecino, morta en Corme en 1918, á que dedicara o seu libro verbo as orixes galegas de Cristóvo Colón e a compaña dos seus fillos Paco e Manolo.

José María Mosqueira Manso, un cormés universal nunca abondo recoñecido, inxustamente esquecido.



--------------------------------------------------------------------------------



Fomentar a reprodución dos peixes, é cousa que moito debera preocuparnos. (Situémonos simbolicamente na nosa moi amada Galiza "meiga"). Para iso procuremos estudar os lugares máis indicados para establecementos de piscicultura. Precisamos repoboar as nosas costas e ríos de peixes -os sedentarios- crustáceos e moluscos de moi diversas especies indíxenas, que en tempos non lonxanos tanto abondaran no noso prolífico litoral e nos nosos ríos: Anllóns, Eume, Eo, Ulla, Tambre, Ponte do Porto, Miño. (Foto: río Eume).

As nosas riquezas galegas

Por José María Mosqueira Manso
(Revista Galicia do Centro Gallego de Caracas, 1952).


Iniciaremos neste primeiro número da nosa revista “Galicia” o tema pesqueiro, xa que as costas do noroeste español significan no conxunto da economía nacional unha achega importantísima, aínda que nunca tivo de Madrid a atención que precisaba. É que na capital de España viven moi lonxe do litoral e, polo tanto, de costas ao mar; e coido que moitos políticos crerán que a lagosta, a ameixa e a pescada que lles serven moi fresquiñas nas súas mesas, e que con tanta fatiga rañan dos fundos mariños os nosos abnegados e humildes pescadores, nacen e se desenvolven nas árbores ao igual que a pera e o pexego.

Dedicaremos hoxe unhas líñas ás piscifactorías, para seguir noutros números tratando da sardiña -o pan dos pobres das costas-; da perniciosa pesca á "pastilla"; da criminal con explosivos, e da imperiosa necesidade dunha sabia e apolítica unificación de vedas de moluscos e crustáceos.
Contaba o Capitán José María Mosqueira Manso.
“Galiza nunca tivo de Madrid a atención que precisaba. É que na capital de España viven moi lonxe do litoral e, polo tanto, de costas ao mar; e coido que moitos políticos crerán que a lagosta, a ameixa e a pescada que lles serven moi fresquiñas nas súas mesas, e que con tanta fatiga rañan dos fondos mariños os nosos abnegados e humildes pescadores, nacen e se desenvolven nas árbores ao igual que a pera e o pexego”.