martes, 4 de octubre de 2022

Irmandade Galega da Venezuela. DIA DA PATRIA GALEGA 2011

Texto final do discurso de Xoán Manuel Xiráldez Pérez na Irmandade Galega da Venezuela como orador de orde da Sesión Solemne da Asemblea de Representantes celebrada con motivo do DÍA DA PATRIA GALEGA, o 25 de xullo de 2011. “… Nesta parte final da miña exposición, quero facer unha reflexión, na que desearía que me acompañaran meus irmáns galegos, que conviviron e loitaron con moito amor galego e espírito de sacrificio nesta nosa casa grande (naqueles momentos aínda era pequena) os primeiros 30 anos de vida. Comenzo a miña reflexión con unha pregunta: ¿En qué fallamos irmáns?, ¿En qué fallamos para caer nesta curva de indiferenza a todo o noso? O noso amor á Terra, ao noso espírito galego, á nosa cultura, á nosa satisfacción de ser e sentirnos galegos, á nosa fala, á nosa identidade de irmáns da mesma Terra. Aquí non podo estabelecer diferenzas de grupos, nin diferenzas políticas, porque uns e outros somos galegos. Nacemos nunha Terra das máis fermosas do mundo, que nos marcou a fogo a alma, ese amor hacía ela, para que nunca poderamos esquecela, nin no tempo nin na distancia. E esa nobre pasión fora pasando de xeración en xeración. ¿Qué nos pasou entón? Xa case non falamos galego na nosa casa grande, ¿Xa non lembramos a ledicia e felicidade que sentíamos ao falar galego entre nós? Da nosa historia recente ou antiga… ¿Qué coñecemos?, ¿das nosas raíces, que lembramos?... o noso programa radial, debera ser o vehículo da nosa historia, da nosa mensaxe de irmandade para o mundo; mensaxe de amizade, comprensión e respeto mutuo. Fago outra pergunta ¿Nestes intres, non seríamos capaces de facer, dando unha demostración de verdadeira irmandade, o que conseguiron facer os fundadores desta nosa casa, nunha época moitísimo máis difícil, polas circunstancias que se vivían entón, para xunguir as conciencias galegas, en defensa dos nosos valores nacionais, do noso xentilicio, da nosa razón de ser, donde a nosa cultura e o noso idioma son valores indispensábeis. Os galegos e as galegas que vivimos dende fai tantos anos nesta Venezuela, a que temos aprendido a querer e que é a terra dos nosos fillos, podemos e debemos ter maneiras de vivir e formas de pensar moi diferentes, pero no que respecta ao noso amor pola Galiza e os seus valores históricos e culturais, deberíamos estar nun mesmo camiño ou en varios camiños que nos leven ao mesmo lugar, para poder sentirnos orgullosos de nos mesmos. A Irmandade Galega conta cunha mocidade valiosa, sana, intelixente e nobre, con grandes valores que nós non soupemos encauzar polo vieiro dos verdadeiros valores galegos, para conquerir o cambio xeracional que debeu ter comenzado moitos anos antes, sen traumas e sen dubidas de cal debera ser o camiño a seguir. Pero non fomos capaces de ensinar aos nosos fillos co mellor método de ensino: ¡O exemplo!... O exemplo que lle temos dado, no eido das nosas loitas sociais non foi o mellor. Predicamos amor galego, nobreza, humildade, comprensión e practicamos todo o contrario, no que debeu ter sido unha loita nobre das ideas e razoamentos lóxicos. A mocidade que está no Colexio Castelao, nos formidables grupos folclóricos, no deporte e nas outras organizacións internas, son o futuro da nosa Irmandade Galega e nós, os que xa temos queimado moitas etapas, debemos deixalos pasar e ofrecerlles os nosos coñecementos e a nosa experencia sen egoísmos. Ao futuro é necesario cederlle o paso no seu intre. Xamais agardar a que él nos aparte, pero tamén, os que temos queimado moitas etapas traballando en pro e por a Irmandade Galega, creo que temos a forza moral suficiente para pedirlle a ese futuro que corresponda a nosa sociedade para que cando sexan nomeados a un cargo executivo ou de dirección, lean antes, detidamente, o estatuto lei, para poder estar seguros de que se senten suficientemente capacitados para desempeñar o cargo con diñidade e nobreza. Nós seguiremos estando en pé de loita social mentres haxa saúde e vida, como asesores, conselleiros, avós ou severos críticos se fora preciso. Hoxe quixen falarlles co amor da nosa Terra Galega de fondo e coa sinceridade que me caracteriza e quero desexarlles a todos, neste homenaxe de hoxe ao Día da Patria Galega, con moita saúde, con moito amor e moita felicidade nas súas vidas.” Breve nota biográfica do orador: Xoán Manuel Xiráldez Pérez naceu en Vigo en 1932. Chega á Venezuela con 25 anos e inmediatamente incorporase ao activismo social galego. En 1960 é cofundador do Centro Galego de Puerto La Cruz, do que foi presidente en 1961. En 1963 é cofundador da Irmandade Galega de Guayana en Puerto Ordaz. Posteriormente foi secretario de cultura da Irmandade Galega da Venezuela en tres oportunidades (1966, 1985, 1995). Desde 1996 forma parte do Consello Local do Bloque Nacionalista Galego (B.N.G.) en Venezuela, donde se desempeña como Responsábel de Relaciones Institucionais y Sociais. Tamén é membro da dirección da asociación civil Foro Solidario Galego (Venezuela).

No hay comentarios:

Publicar un comentario