martes, 27 de abril de 2010

ANTÓN LÓPEZ SUÁREZ, galego dos "bos e xenerosos".

ANTÓN LÓPEZ SUÁREZ.
A Coruña, 14 de setembro de 1922.
Santiago de León de Caracas, 26 de abril de 2010.
Padeceu a represión fascista no seu entorno familiar máis próximo, un irmán condenado a pena de morte.
Emigrou a Venezuela e foi membro da Irmandade Galega de Venezuela deica a súa privatización en 1993, entón, en firme coherencia co seu pensamento, deuse de baixa.
Tamén en Caracas, Antón tivo que aturar coa persecución pola súas ideas na empresa donde traballaba, o que lle custou o emprego.
Era membro do “Comité Hispano-Venezolano por la República Española”.
Deica os seus derradeiros días fixo traballo voluntario no Consello Comunal da Avenida México da Candelaria donde residía.
Antón era cidadán venezuelano por elección, cando puido recuperar a “nacionalidade española”, negouse en rotundo a ser “súbdito” dun estado monárquico, prefería ser cidadán dunha república.
Antón era un home alto, forte, aos seus oitenta e tantos anos presumía de vivir soo, sen molestar a ninguén, aínda que tiña familia; sempre impecable, na súa roupa non había unha mancha nin unha arruga, amable e cortes, amigo leal, serio e formal, con un fortísimo caracter que o levaba a confrontar canto lle parecía inxusto.
Un servidor coñeceuno nesta etapa final no consello comunal, agasalloume con un libro de Neira Vilas, Xente no rodicio, edición de 1965, un exemplar das "Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego" editado polo Padroado da Cultura Galega en Caracas, 1974, unha copia da carta de Sebastián Martínez Risco aos "Amigos da Academia Gallega", en Caracas, do 16 de xaneiro de 1965, dando as gracias polos fondos recibidos, e tamén un libro de memorias da guerra civil escrito por Bruno Alonso, "El proletariado militante", (México, 1957).
Antón López Suárez, galego e republicano consecuente, deica sempre irmán, foi un enorme pracer coñecerte e poder compartir contigo estes teus derradeiros anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario